venres, 20 de maio de 2011

INDIGNADOS, agora que estamos aínda en CAMPAÑA

Estamos, moitos, indignados.
Pero indignarse, non chega. Castelao: "non lle poñas chatas a obra namentras non se remate, o que queira que se poña a traballar nela, hai sitio para todos". Hai que actuar e tomar partido, non para que gañen os de sempre co noso desprezo, madia leva.
A Sociedade Civil moqueaba con resignación e aínda indiferencia, agora estamos indignados. Ben. Pero que sexa unha indignación activa, unha reacción da Sociedade Civil disposta a toma-las rédeas.
Temos que tomar decisións para que algo mude, para que a obra mellore traballando nela

luns, 2 de maio de 2011

A CHAVE...



O sábado fun ao acto de Queremos Galego na Sala Capitol de Santiago de Compostela (por se alguén non estaba informado).
Gustoume moito. Algúns fallos de organización si que houbo e Manuel Rivas podía traer mellor preparada a súa participación; ben, que lle imos facer... A min gustoume, emocionoume.
Pero teño coñecidos e amigos, nacionalistas e de esquerdas, que non quixeron asistir porque coidaban que era un acto
"sectario" Sectario sería se estivera restrinxido a unha secta, eu non vin tal.
E digo eu que a nós xa non hai por que ilegalizarnos; xa abondamos nós mesmos para dividirmonos, enfrontarmonos, acusarmonos, esnaquizármonos,...

MAZARICO

Esta mañá topei cun mazarico (1) diante da miña casa. Saín para traballar (como cada día) e dei co mazarico que camiñaba, tranquilamente, na leira que hai do outro lado da estrada. Parei co coche, parte para observar e tamén por non escorrentalo co ruído, e mirei, busquei outro. nestas chegou un corvo (non un mazarico), un corvo grande coma un mundo voando baixo cara el e o meu mazarico marchou tamén a voar...

xoves, 28 de abril de 2011

QUER QUE LLE QUER

Aprendín esta cantiga do meu pai hai tantos, tantos anos... Usaba o retrouso para se meter connosco, cos pequenos, cando collíamos unha perrencha ou nos poñíamos moi choromiqueiros.
E que voces máis antigas! Canto me gusta!

Found at: FilesTube

O QUER QUE LLE QUER

E quer que lle quer (3 veces)
que lle fagan a cama,
e quer que lle quer (3 veces)
que lla fagan ben baixa.

Xesús, que diaño de vella,
Xesús, que cousiñas ten,
ela quer que lle quenten a cama
e que se deiten con ela tamén.

E quer que lle quer (3 veces)
que lle ricen o pelo,
e quer que lle quer (3 veces)
que lle metan recheo.

Xesús, que diaño de vella,
Xesús, que cousiñas ten,
e quer que lle quer que lle fagan vestidos
e quer que lle quer que llos fagan xustiños.

E quer que lle quer (3 veces)
que lle faga un refaixo,
e quer que lle quer (3 veces)
que llo fagan ben baixo




mércores, 27 de abril de 2011

E chove nas vacacións. Que molla!!!

Pero pateamos (algo) e visitamos Monfragüe (teño que voltar sen chuvia), Cáceres (cidade museo. Prefiro Santiago ou Granada porque están vivas), Plasencia e Hervás. E descubrimos aves, paisaxes, lugares...

E o Jerte que ben, a verdade é que ben. Pero, coñecedes a ribeira de Chantada en primavera coas cerdeiras en flor? E no outono coas vides e cerdeiras en labaradas? Pois iso, que habería que venderse mellor. Digo nós.

luns, 25 de abril de 2011