xoves, 27 de xaneiro de 2011

OBEDIENCIA de Antón Lopo



Estou a ler OBEDIENCIA, unha novela de ciencia ficción que se deixa ler, é amena e orixinal.
Ao ler vou atopando, espallados entre as páxinas do libro, retallos da miña infancia: palabras monfortinas, palabras que só escoitei en Monforte e que dubido de que existan, polo menos co mesmo significado, fóra de alí.
Antón Lopo utiliza a palabra chacuecada e, para os de Monforte (de toda a vida), está clarísimo o que quere dicir...
E liló. Liló era o que me chamaba a miña nai cando me poñía coma unha moto e facía parvadas.
Cando remate coa historia, que me prende, dareille un repaso a caza de palabras...

venres, 14 de xaneiro de 2011

Tirado do blogue: CADERNO DE LINGUA

Remexendo en CADERNO DE LINGUA,como fago moitas veces e sempre atopo algo que me interese, atopei este vídeo cun tema de Leilía con letra de Suso de Toro sobre Palestina. Tamén trae a letra; hai que lela, porque ás veces deixámonos levar polo ritmo e non poñemos atención ás palabras:

Esas pedras contra tanques
eses corpos que rebentan
en libeliñas vermellas
toda a carne é sagrada.

Así como chuvia mansa
este mundo molla e sangra
a memoria non descansa
toda a carne é sagrada.

Vella liturxia da ira
alimenta a nosa rabia
odio con fame de sangue
toda a carne é sagrada.

O mundo perece aquí
a memoria non descansa
eu son ti e ti es min
toda a carne é sagrada.